Sunday 05 de May de 2024

Frades homenaxeará a Manuel Cortiñas cun monolito con litografía en Ponte Carreira na memoria deste mestre da parroquia de Gafoi


 

Haberá un xantar para ex-alumnado e simpatizantes o sábado 23 de novembro

O colectivo de ex-alumnos/as de Manuel Cortiñas Pontón (1910-1990), en colaboración co Concello de Frades, organiza unha homenaxe póstuma a quen fora mestre na parroquia de Gafoi entre os anos 1955 e 1975. Unha homenaxe que terá lugar na mañá do vindeiro sábado 23 de novembro no campo da feira de Ponte Carreira, onde ás 13:00 horas se descubrirá un monolito con litografía na memoria do homenaxeado no lugar onde estaba emprazada a escola na que deu clases.

Posteriormente, ás 14:00 horas, terá lugar un xantar de confraternidade aberto a ex-alumnos/as e simpatizantes de Manuel Cortiñas. Unha comida que terá un prezo de 25 euros por comensal, prezo que é preciso abonar antes do 20 de novembro para poder asistir. Os abonos deberán facerse na conta de Abanca nº IBAN: Es47 2080 0333 3530 4000 5383, indicando no concepto “Homenaxe a Cortiñas” e número de comensais.

Merecida homenaxe

Esta homenaxe chega despois da aprobación por unanimidade do expediente de distinción e honras a Manuel Cortiñas Pontón na sesión plenaria do pasado mes de setembro. Un expediente que foi instruído polo concelleiro de Ensino, Manuel Ferreiro Marzoa, a raíz da petición dun grupo de veciños e veciñas de Gafoi que, encabezados por Antonio Espiñeira, presentaron un escrito con corenta firmas de veciños e veciñas das parroquias de Gafoi e Ledoira para que o Concello de Frades lle fixera un recoñecemento a Manuel Cortiñas Pontón, nado en Santiago en 1910 e mestre da parroquia entre 1955 3 1975.

Manuel Ferreiro asegura que “como instrutor só podo concluír que don Manuel é merecedor desta homenaxe, sendo un exemplo de mestre e de boa persoa, unido á dedicación, profesionalidade e humildade no seu labor diario”. De feito, no seu informe destaca de Manuel Cortiñas “a súa elevadísima preparación como mestre, o que fai que os resultados sexan moi bos; a súa humildade, o que fai que se relacione con toda a xente; o ser un adiantado ao seu tempo, facendo do bilingüismo o que ten que ser, unha riqueza e unha ferramenta para poder transmitir mellor os coñecementos; un amante da cultura e da tradición galega, algo que resaltan todos os seus alumnos”.

Neste sentido, Manuel Ferreiro apunta que Cortiñas Pontón era “un home cunhas calidades humanas extraordinarias; o simple feito de que despois de 40 anos veñan os seus ex alumnos dende distintos puntos de Galicia a pedir que se lle faga unha homenaxe, fala ben ás claras da fonda pegada que supuxo nas súas vidas”.

Informe e anécdotas

No informe recóllese que nos recreos, Cortiñas Pontón ensinaba xogos tradicionais e, como medidas contra a fame da época, na escola facíase leite que viña en polvo dos EEUU, nos cubertiños que había no campo da festa e quentábase na casa dalgún veciño. “Preparábase a primeira hora e tomábase a media maña, porque os alumnos viña sen almorzar. Tamén se cortaba queixo, que viña en latas de 5 kg, en racións que se repartían ao saír da escola”, recolle o informe.

Don Manuel desprazábase dende a parroquia de Aiazo ata a escola primeiro en bicicleta e despois en moto, ata que nos anos sesenta tivo o seu primeiro coche. Daba clases a alumnos de entre 6 e 14 anos, en horario de mañá e de tarde. E, pola noite, ensinaba a outros grupos nos lugares de Ledoira, Pastor, Frades e Aiazo, ás que se sumaba xente das distintas parroquias de Frades e mesmo de concellos lindeiros. E os sábados tamén daba clases, nesta ocasión de canto e de debuxo.

Foi unha persoa que insistía moito en que todos os nenos tiñan que ir á escola, chegando mesmo a ir casa por casa a falar cos seus pais e nais, o que fixo que moi poucos nenos da época en Frades quedaran sen asistir ás súas clases. Alfonso Vilariño Gil, ex alumno de D. Mnauel, conta a seguinte anécdota: “cando era un neno, un día mentres xogaba acercóuseme o mestre e preguntoume se quería ir á escola. Eu díxenlle que si, pero que aínda non tiña os 6 anos. Don Manuel díxome que fora ao día seguinte. Ao chegar á casa comenteillo a miña nai, pero ela contestoume que non podía ir porque non tiña a idade. Cando chegou o mediodía, Don Manuel acercouse a miña nai e preguntoulle por que eu non fora á escola. Miña nai contestoulle que non tiña a idade e que el xa tiña moitos nenos. Don Manuel refutoulle dicindo que onde cabían 85 nenos, cabían 86”.

Ademais, o Libro de Visitas da inspección educativa á escola unitaria de Gafoi, en Ponte Carreira (que se custodia na Secretaría do actual CPI de Ponte Carreira), recolle varias referencias positivas sobre o labor profesional de Manuel Cortiñas. Así, na visita de novembro de 1956, recóllese que “al frente de esta escuela se encuentra d. Manuel Cortiñas Pontón, maestro con un alto concepto del deber profesional, inteligente y laborioso, con buena preparación pedagógica que, desde hace años, viene desarrollando una labor digna de encomio, habiéndose hecho acreedor a la estimación de los padres de los niños y de las autoridades, por lo que esta Inspección le felicita ampliamente”.

Na visita de maio de 1961 recóllese que “en el día de hoy se hace un examen a los niños y se comprueba la gran labor que d. Manuel Cortiñas Pontón lleva a cabo. El rendimiento de esta escuela, tanto docente como educativo, es elevado y el que suscribe se siente altamente complacido por ello. Se le concede un Voto de Gracia como premio a la labor educativa que durante tantos años viene desarrollando”. Finalmente, na visita de novembro de 1970 recóllese que “a través de las numerosas, aunque rápidas, visitas que en los dos cursos últimos hice a la escuela de niños de Gafoy, ya me había causado excelente impresión el activo ritmo de trabajo discente y la inteligente dirección del mismo que ejercía con la mayor sencillez y naturalidad d. Manuel Cortiñas Pontón. Hoy, con una visita más detenida, he confirmado con satisfacción aquellas impresiones”.